Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

María García Ruesgas, de Arsys, fala sobre os novos dominios

16/02/2009
María García Ruesgas, Directora de Nomes de Dominio de Arsys, participou recentemente en Roma nunha reunión rexional da ICANN para rexistros e rexistradores acreditados pola ICANN,  onde se revisaron as propostas de creación de novos dominios. Os “city”  ofrecerán a posibilidade de que as cidades teñan o seu propio dominio e os lingüísticos e culturais, como os “.gal” ou “.eus”, ofrecerán aos internautas dunha comunidade a súa propia identificación dixital.

Noticiasdot.com: Como van as propostas de creación de novos dominios con alcance lingüístico, como o .gal, para Galicia, ou o .eus para Euskadi?

María García Ruesgas (Arsys):. Despois da creación do dominio .cat, que identifica á comunidade lingüística e cultural catalá en Internet, xurdiron numerosas propostas para a creación de dominios de alcance lingüístico e cultural. Algunhas destas propostas son: .bzh (bretaña), .cym (Gales), .vl (flandes), .eus (Euskadi), .sco (Escocia), .val (valencia).


As posibilidades de cada proposta dependerán do apoio que consigan, tanto a nivel institucional como financeiro, e tamén do estado no que se atope a súa documentación de candidatura.
Na actualidade, parece que as propostas do dominio .gal e do .cym son as que máis posibilidades teñen dentro da categoría de dominios culturais e lingüísticos. A asociación .gal leva desde 2006 traballando na súa proposta, dispón do apoio institucional e financeiro da Xunta de Galicia e xa ten rexistradas na Oficina Española de Patentes e Marcas as marcas correspondentes, etc.
As candidaturas de máis recente introdución teñen, agora mesmo, menos posibilidades de ver a luz en breve. 

Parece que os dominios locais, entre as que se atopa a proposta dun dominio especifico para Barcelona e Berlín están a atopar unha resposta moi positiva por parte de ICANN, Existen datas concretas para a súa posible aprobación?  

Aínda non sabemos cando se abrirá o prazo de presentación de candidaturas. Este mesmo mes publicarase o segundo borrador do manual do candidato, que introducirá algunhas modificacións., principalmente nos criterios de valoración dos candidatos e nas taxas que deberán pagar. Tendo en conta que este proceso é moi participativo e que os borradores se someten a unha fase de comentarios públicos e podería ser necesario elaborar un terceiro borrador antes da aprobación da normativa definitiva, a fase de candidaturas podería abrirse a finais de setembro de 2009, se o proxecto non acumula máis atrasos.
Segundo este calendario, os primeiros dominios deste tipo poderían aprobarse a finais de 2009 e estarían operativos en 2010.
Entre as candidaturas que contan con máis posibilidades, atópanse os denominados “city TLD” (dominios xenéricos para cidades, de City Generic Top Level Domain, en inglés): .paris (París), .berlin (Berlín), .bcn (Barcelona), .nyc (New York). Nesta categoría, a proposta do .berlin atópase moi avanzada e ten moitas posibilidades de ver a luz nesta primeira fase de candidaturas.

Non cesan de chegar novas noticias sobre dominios máis especificos como o “.bank”. Cal é a posición da ICANN e dos rexistradores respecto diso?

Ademais dos dominios para cidades, existe un elevado número de propostas: .eco (para iniciativas de sustentabilidade), .bank (para entidades financeiras), .safe (para evitar o malware), .fam (para familias e contido apto para todos os públicos)…

En principio, ICANN, a máxima autoridade en materia de dominios, non ten ningunha posición específica sobre as novas propostas que van saíndo. O único propósito desta nova normativa é que calquera proposta debe cubrir necesidades específicas e reais da comunidade de usuarios teña unha oportunidade de materializarse. Por tanto, a normativa está aberta a calquera tipo de proposta, pero os candidatos deberán cumprir unha serie de requisitos legais, financeiros, técnicos e de viabilidade comercial. Probablemente, estes requisitos constitúan un filtro para algunhas propostas.

© Asociación Puntogal