Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

Amadeu Abril: "Ter un dominio propio é un exercicio de normalidade"

09/02/2009
Amadeu Abril, impulsor dos dominio .cat, co gallo da presentación da iniciativa .eus -dominio en Internet para a lingua e cultura vasca-, fala sobre a experiencia do dominio catalán e valora as posibilidades para outros dominios de tipo lingüístico e cultura, nunha entrevista publicada no xornal Gara (07-02-2009).
 Reproducción da entrevista de Maider Eizmendi, de Gara, a Amadeu Abril, traducida ao galego. "Amadeu Abrilé un dos principais impulsores do dominio .cat, que, a piques de cumprir o seu terceiro aniversario, conseguiu xa máis de 33.000 rexistros. E é unha referencia para a asociación PuntuEus, que pretende impulsar un dominio propio. A iniciativa vasca fíxose pública a pasada semana e está previsto que a finais deste ano presente a súa candidatura en ICANN.

Orgulloso do camiño percorrido nos tres anos de vida do dominio .cat, Abril destaca que "detrás dos cinco grandes dominios abertos e baratos [.org, .net, .com, .info e .biz], o noso é o que ten máis contidos segundo Google". O proceso de creación foi duro e custoso, pero mereceu a pena porque ter un dominio propio, entre outros aspectos, "serve para que todos aqueles que non son parte da comunidade se dean conta de que esta existe". Por ese motivo, anima á asociación PuntuEus a manter o seu obxectivo e á sociedade civil vasca, a que a apoie. Gara: Que valor ten para unha comunidade ter un dominio propio? Amadeu Abril: En primeiro lugar, é un exercicio de normalidade e iso é importante en contextos nos que hai poucas situacións de normalidade. Permite visualizar en Internet a esta comunidade como existente, que a xente poida utilizalo con normalidade, que se poidan dirixir servizos a esta comunidade con normalidade... A partir de aí, hai outros elementos como o simbólico, que tamén é importante polo déficit de normalidade simbólica actual. Pero non é só isto. No caso do .cat había, e hai, moita incidencia no ámbito lingüístico. O dominio quería ser unha ferramenta de normalidade lingüística en Internet. Na miña opinión, o mellor que se pode facer por unha lingua é darlle prestixio social. No século XIX, o importante era conseguir chegar ás imprentas; no século XX foi o acceso á escola; despois viñeron a radio e a televisión e as linguas que non tiveron acceso están nunha situación difícil. Actualmente, as linguas que non teñan acceso a Internet van ser linguas de segunda. Este prestixio social, así mesmo, anima á xente a facer cousas. No noso caso, ao principio un 30% da xente que pediu o rexistro nin sequera tiña un dominio ou unha web; é dicir, a xente animouse a facer cousas novas porque dispuña do .cat. Doutra banda, un dominio serve para visibilizar a comunidade fóra dela. A maioría da xente non sabe que hai un grupo consistente de cataláns que utilizan Internet xuntos porque teñen as mesmas inquietudes culturais, porque teñen o mesmo referente cultural, porque falan a mesma lingua e que, por tanto, comunícanse máis entre eles. Isto non é visible aínda que sexa realidade. Cando e de onde xurdiu a idea de crear .cat? A idea de .cat xurdiu hai moitos anos. En 1995, cando se empezou a falar de crear novos dominios, comecei a mirar como se podía facer un .cat. A partir de 1996 houbo unha campaña a favor do dominio .ct, un dominio territorial de dúas letras que se privilexiou durante moito tempo; pero esa vía é moi complicada porque non depende de nós, depende de vontades políticas, non só do Estado español ou o Estado francés, senón tamén das Nacións Unidas, que deberían cambiar as súas normas sobre a creación de códigos. Por iso, optouse por .cat. En 2001 creouse a asociación PuntCat e comezáronse a buscar apoios para que o día en que se abrise de novo a vía para crear dominios xenéricos se puidese presentar unha candidatura. O proceso, tal e como comentaron os integrantes da asociación PuntuEus, é complicado e custoso, pero cales son as maiores dificultades? O máis difícil é que se abra a porta. Un dominio é unha cuestión técnica, pero iso pódese conseguir porque hai xente que o sabe facer. Doutra banda, ICANN pide, e cada vez vaino a pedir máis, garantía financeira; débese demostrar que contarías cun rexistro solvente e estable. Pero o que un dominio sexa un éxito, ou non, depende do que poderiamos chamar a sociedade civil; no caso de PuntuEus, a vasca. É máis un proxecto de entusiasmo cultural, porque hai que convencer á xente de que faga cousas en Internet e que as faga, co .cat ou o .eus, para que haxa contidos de calidade. O que marca a diferenza é o nivel de implicación da xente que está en Internet, a sociedade civil e as entidades no sentido máis amplo. O importante é que sexa visible. O .eus debe ter detrás aos máis amplos sectores de diversos ámbitos dentro do que podiamos chamar a xente que fai cousas en Internet en eúscaro ou en Euskadi ou para os vascos. Por exemplo, Google non é unha empresa vasca nin catalá, pero ten o dominio .cat porque ten servizos en catalán. Contan con miles de rexistros, pero como valoran que empresas como Google ou Yahoo! teñan o dominio .cat? É importante que Google teña o .cat e que, ademais, o utilice. Google, cando o rexistrou, non o empezou a utilizar inmediatamente porque non sabía que facer con el. Eles teñen versións lingüísticas e versións territoriais nas que, segundo as direccións IP, dirixen aos usuarios por defecto a un dominio ou a outro, e non sabían onde dirixir a un .cat. Ao cabo dun ano activárono porque viron que .cat funcionaba e que había contidos. O impacto que teñen direccións como google.cat ou yahoo.cat é tremendo e é unha medida de normalidade. Que tipo de páxinas se rexistraron en .cat? Non hai ningunha estatística porque é moi difícil realizala. Para facernos unha idea, actualmente hai máis de 33.000 nomes, houbo moi poucos conflitos e hai máis 50 millóns de páxinas indexadas por Google como correspondentes a dominios .cat. Por tanto, detrás dos cinco grandes dominios abertos e baratos, .cat é o que ten máis contidos, segundo Google, de todos os dominios xenéricos. E, neste momento, hai máis contidos en .cat que contidos en catalán en .com. Isto significa que hai moitos contidos novos. Por iso, o gran éxito é máis de calidade que de cantidade. Ten moitos contidos para un número relativamente pequeno de nomes e, ademais, moitas páxinas son novas. Cales son os requisitos para rexistrarse no dominio? No .cat o requisito é que sexan dominios para a comunidade lingüística catalá ou para quen realice servizos para ela. Se ti realizas comunicacións on-line en catalán, automaticamente estás cualificado; se non, debes xustificar cal é a túa relación coa promoción da cultura catalá. Logo realizamos comprobacións a posteriori para verificar o seu traballo, pero non tivemos moitos problemas; en tres anos tan só tivemos que bloquear unha ducia de dominios. Pero eses son os nosos criterios e .eus deberá decidir se pon o acento no ámbito lingüístico ou no ámbito cultural. Outro proxecto que se está traballando é o .cym de Gales; a realidade lingüística non lles permite pór como criterio básico a lingua, porque non é realista no seu ámbito. Como valora o labor da asociación PuntuEus? A igualdade de datas están mellor organizados do que o estabamos nós no seu momento. O modelo de PuntuEus ten moitos apoios e serán capaces de facer unha boa candidatura. O que está por ver é o nivel de implicación da xente para movelo despois. Vai por moi bo camiño e a preparación é sólida. As institucións públicas e privadas teñen que involucrarse porque teñen o seu ámbito de influencia. Teñen que mostrar o seu apoio, pero non tentar xestionalo, porque os dominios xestionados polas administracións non adoitan funcionar ben. O apoio posterior é importante, pero é preciso tamén para presentar a candidatura.Si. Para ICANN é importante demostrar que a candidatura ten apoio formal de entidades representativas. Se estivesen só as administracións, sería un problema; e que non houbese ningunha, tamén. As administracións representan a unha parte importante da sociedade, polo que é importante que dean o seu apoio formal.Ten algún consello que ofrecer?A xente debe ter paciencia. O dominio .eus non vai chegar mañá, haberá dificultades, vaise ter que pedir axuda á xente... Se todo fose moi ben, estaría na rúa o vindeiro ano, pero é moi probable que haxa atrasos e o importante é que, cando chegue, a xente teña entusiasmo e o utilice. É unha maratón." Podes ler a entrevista en español aquí.

© Asociación Puntogal