Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

A ICANN explica os motivos dos atrasos no proceso de novos dominios

09/01/2009
O persoal da ICANN respostou, entre outros, aos comentarios feitos pola delegación da Asociación PuntoGal asistente á reunión. PuntoGal solicitara o cumprimento dos prazos previstos e unha aceleración do proceso de solicitude para novos dominios xenéricos, ademais dunha revisión de todos os aspectos da guía para solicitantes que afecten ás cuestións económicas, reivindicando o papel do dominio .gal como unha iniciativa cultural e lingüística, por tanto, cun marcado carácter social e non lucrativo.

 A ICANN, aínda que entende “a frustración de todos aqueles membros da comunidade de Internet que levan seguindo o proceso de novos dominios durante varios anos”, resalta a complexidade deste proceso, acrecentada “polas cuestións xurdidas durante o proceso de desenvolvemento de normas e políticas e coa crecente importancia da Internet nas economías globais”. 

A organización reguladora da Internet a nivel mundial reafírmase no seu compromiso de estimular a competencia no sistema de novos dominios e asegura avanzar o máis rápido posible no proceso, pero salienta a importancia de considerar outros aspectos, alén da competencia, á hora de ampliar o sistema de nomes de dominio de primeiro nivel.Recoñece ademais que os calendarios previstos para a aceptación de solicitudes foron aprazados en varias ocasións debido á multitude asuntos xurdidos no desenvolvemento do programa de novos dominios: marcas e dereitos de soberanía, procedementos de resolución de disputa, barreiras técnicas,etc.  

A intención da ICANN é cumprir os prazos previstos ata agora. Non obstante, a necesidade de analizar en detalle os comentarios feitos en relación ao borrador da guía de solicitantes poden demorar o proceso xa que calquera cambio debe realizarse de xeito eficiente. Os procesos de comentarios públicos son de gran importancia porque “permiten a milleiros de ollos revisar o proceso de solicitude e identificar calquera tema que poda ser conflictivo”. Este proceso de comentarios, que pretende ser claro, transparente e aberto, será crucial para o éxito do programa de novos dominios. Por estas razóns, o persoal da ICANN considera que “ o proceso debe continuar o camiño actual, mesmo se isto significa que as solicitudes para novos dominios xenéricos non serán aceptadas ata o terceiro cuarto de 2009”. Así mesmo, a organización continuará actualizando os calendarios do proceso segundo este siga o seu desenvolvemento.

© Asociación Puntogal