Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

A ICANN concederá novos dominios ás candidaturas que cumpran estrictamente os requisitos

01/07/2008
A GNSO (Organización de Apoio de Nomes Xenéricos) ten elaborado unha política para guiar a introdución destes novos dominios, que inclúe unha serie de criterios de selección. Segundo estes criterios, os solicitantes deberán demostrar a súa capacidade organizacional, técnica, operativa e financieira para levar a cabo a operación de rexistro, garantindo sempre a seguridade, estabilidade e interoperabilidade global de Internet.

As candidaturas terán que contar tamén co respaldo unánime das comunidades ás que representen. Entre os requisitos nos que está a traballar a ICANN e que se publicarán probablemente a finais do 2008, inclúese o pago dunha taxa de solicitude que se aplicará para cubrir os costes do programa de novos gTLD. O proceso para solicitar un novo dominio, que se podería iniciar de cara a primavera do 2009, será aberto a sempre que se cumpran os estrictos requisitos e normas que impoña a ICANN.

A delegación da Asociación PuntoGal asistente ao encontro participou activamente nas diversas sesións de traballo e foros públicos do encontro en París, resaltando a representación dunha comunidade cultural e lingüística moi ampla, espallada por todo o mundo, e insistindo no cumprimento por parte da ICANN do calendario presentando para o proceso de solicitude.

Os representantes de PuntoGal reuníronse con Karla Valente, directora do programa de dominios xenéricos da ICANN, para presentarlle persoalmente a iniciativa dun dominio en Internet para a lingua e a cultura galega. Mantiveron conversas con membros doutras candidaturas lingüísticas e culturais e asistiron á presentación da iniciativa bretona na casa da Bretaña en París. PuntoGal tamén levou a cabo a súa campaña, que consistiu na entrega de distintos materiais informativos a todos os participantes no encontro internacional da ICANN.


Ademais, aproveitando a súa estadía en París, a directiva do PuntoGal deu a coñecer  persoalmente a iniciativa da asociación ao secretario de A Nosa Casa de Galicia en París, quen asinou a carta de adhesión ao proxecto PuntoGal.  Para máis información da 32ª reunión pública internacional da ICANN en París clica aquí.

© Asociación Puntogal