Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

Unha delegación de PuntoGal participa na reunión internacional da ICANN en París

19/06/2008
Unha delegación da Asociación PuntoGal participará en París na 32ª edición do encontro internacional da ICANN, no que se abordarán distintos aspectos sobre o funcionamiento do sistema de dominios en Internet.

Entre o 22 e o 26 de xuño, as máis de mil persoas inscritas na convención analizarán en detalle cuestións como o funcionamiento interno da organización ou a normativa aplicable ás candidaturas. Terán especial importancia os debates en torno á transición do Ipv4 ao Ipv6 e o seu impacto na comunidade de usuarios da rede, e os asuntos relacionados coa tradución de documentos e procesos da ICANN a outras linguas distintas do inglés.

Ademais, na reunión de París, a ICANN dará protagonismo ao mundo dos negocios coa programación, por vez primeira, de presentacións e conferencias relacionadas coa actividade comercial.

Os membros da GNSO (Organización de Apoio aos Nomes Xenéricos) explicarán brevemente a situación actual do proceso de implementación de novos dominios durante un obradoiro centrado no futuro de Internet. Nesta sesión de traballo participarán tamén representantes de diferentes sectores e industrias, que darán a súa opinión sobre os cambios que se producirán co lanzamento do programa de novos dominios no espazo de Internet.

Todos os informes elaborados pola ICANN–o organismo responsable dos dominios en Internet- insisten nalgunhas cuestións fundamentais para a consecución con éxito do proceso: que sexa unha petición unánime, respaldada pola comunidade no seu conxunto e que os distintos informes que se teñan que presentar sexan impecables tanto no aspecto técnico, como no económico, como no de xustificación.

Durante a reunión, os representantes de PuntoGal manterán distintos encontros e entregarán información aos asistentes sobre a proposta dun dominio para a cultura e a lingua galega na rede. Aproveitando a ocasión, tamén se reunirán con membros dos centros galegos de Francia para presentarlles persoalmente a iniciativa do PuntoGal.

Clica aquí para consultar o programa. 

© Asociación Puntogal