Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

PuntoGal consegue máis de 700 apoios no Xuventude Galiza Net

17/03/2008
 PuntoGal estivo presente durante os tres días que durou o encontro informático Xuventude Galiza Net, organizado pola Xunta de Galicia, no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela.
Información, camisetas e adhesivos

Polo expositor do PuntoGal, situado na entrada do recinto, pasaron máis de 1.500 persoas: cativos, adultos, mozos e tamén maiores.  Moitos deles achegáronse curiosos preguntando “que é iso do PuntoGal?”. Recibiron material informativo no que se explica en que consiste a iniciativa a prol do dominio para a lingua a cultura galega e as vantaxes que podería ter a consecución do dominio. Entre elas cabe destacar a creación dun espazo propio en Internet para agrupar todas as iniciativas vencelladas á nosa lingua e cultura e que permita identificar as empresas galegas nunha rede de redes cada vez máis extensa.

Os asinantes levaron camisetas do PuntoGal co lema “Estou-che a punto.gal”, ademais de adhesivos co logo “Eu.gal” que chamaron á atención dos máis cativos. Camisetas e adhesivos formaron parte da vestimenta e “uniformes” dos asistentes e participantes no evento.

Centros Galegos
Outra das vantaxes do dominio galego será permitir a conexión etre as realidades galegas en todo o mundo, especialmente entre as comunidades emigrantes da Galicia exterior. De feito, son xa 17 os centros galegos no exterior que apoian a iniciativa a favor do dominio para a lingua e a cultura galega.

Robótica e software libre

Entre as actividades principais do Xuventude Galiza Net destacaron os obradoiros de robótica -no que os participantes puideron construir un robot baseado na arquitectura Arduino- e de software libre –no que se conseguiu traducir ao galego o 100% do Open Office 3.0- así como os concursos de páxinas web e videoxogos. Na extranet, todos os asistentes tiveron a oportunidade realizar actividades de globoflexia, montar no touro mecánico, xogar ao “Scalextric” ou aprender un pouco de ciencia no obradoiro “Ciencia Divertida”.

© Asociación Puntogal