Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

Puntogal realiza unha campaña a prol do dominio na reunión da ICANN en Delhi

11/02/2008
Representantes do PuntoGal asistiron hoxe á sesión de apertura da reunión internacional da ICANN en Nova Delhi, na que distribuíron material informativo sobre a proposta dun dominio para a cultura e a lingua galega na rede.
 A campaña do PuntoGal en Nova Delhi consiste na entrega de distintos materiais baixo o lema "Bring PuntoGal into the root ASAP", instando á ICANN a incluir o PuntoGal na rede de redes. Ademais, este material fai fincapé na existencia dunha ampla comunidade galega no exterior.  Peter Dengate Thrush, presidente do consello de directores da ICANN, inaugurou a reunión salientando a importancia deste ano 2008 para o futuro da organización, especialmente porque “o goberno dos Estados Unidos está a revisar o Acordo de Proxecto Conxunto coa ICANN e estamos insistindo en que é hora de dar o paso final cara o modelo de sector privado  da ICANN previsto orixinalmente”. Dengate Thrush afirmou que o período de comentarios públicos pecha o último día da reunión, polo que se espera un debate importante sobre este tema en Nova Delhi, e animou a todos os que cren nun modelo da ICANN non controlado a dar a coñecer a súa opinión.

“Haberá debates clave sobre o traballo que se está a levar a cabo para desenvolver o modelo de novas solicitudes e aprobación de novos dominios xenéricos de primeiro nivel ou gTLDs, e o noso traballo no campo do IDNS, o que significará que as linguas  e alfabetos da maior parte do mundo poderían utilizarse nos nomes de dominios”, dixo Paul Twaney, presidente da ICANN e CEO.

Os representantes do PuntoGal presentes no encontro de Nova Delhi participarán esta semana na reunión aberta da GNSO –organización de apoio de nomes xenéricos- na que se tratarán cuestións relativas aos dominios xenéricos de primeiro nivel. Ademais, formarán parte do grupo de traballo titulado “O desenvolvemento do entorno gTLD: desafíos e oportunidades” no que PuntoGal espera o anuncio do calendario definitivo dos plazos para a apertura de solicitude e concesión de novos dominios.

Consulta o programa e segue o desenvolvemento da reunión aquí. Noticias relacionadas: "Hi ICANN: Bring dotGal in root ASAP" (Vieiros, 11/02/2008)   "O Puntogal estará na primeira rolda"

(A Nosa Terra, 10/02/2008)        

© Asociación Puntogal