Asociación Puntogal

Novas

PuntoGal celebra o seu primeiro aniversario no Culturgal con deseños de ReiZentolo

Un ano de dominio .gal

02/12/2015 Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2015.- O dominio galego en internet celebra hoxe o seu primeiro aniversario con preto de 3.000 nomes rexistrados. Fai un ano que o rexistro do .gal está aberto á cidadanía sen restrición, concedéndose por orde de chegada. Para celebrar este aniversario, PuntoGal participará un ano máis no Culturgal en Pontevedra, que ten lugar entre o 4 e o 6 de decembro, ocupando o stand 41. Con motivo da efeméride, a asociación presentará durante a feira o froito da súa colaboración con Rei Zentolo. Trátase dunha serie de deseños que homenaxea á revista Nós e outra na que se utiliza o humor como maneira de darlle promoción o dominio.

Entre os dominios rexistrados neste primeiro ano figuran institucións públicas e privadas de todo tipo, entidades sen ánimo de lucro, empresas e particulares. Estes usuarios escollen un .gal para promover a súa marca, salientando o valor engadido de ser galego e facer comunidade, conseguindo unha diferenciación clara en internet.

O apoio institucional da Xunta de Galicia que, co decreto 74/2015 regula a presenza na internet da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia baixo o dominio .gal, foi tamén importante para PuntoGal no 2015. Aínda que non foi o único. A asociación recibe continuamente mostras de apoio, dentro e fóra de Galicia, que axudan a manter vivo este proxecto singular e seguir loitando pola súa expansión. En palabras da directora xeral de .gal, Edita de Lorenzo, “seguimos traballando para que moitas das empresas privadas galegas vexan a vantaxe de ter o seu enderezo en internet no marco de .gal”. Esta labor de difusión e promoción é un dos obxectivos de .gal para o novo ano, aposta que se verá reforzada axiña cunha nova páxina web que contará, entre outras ferramentas, cun cadro comparativo de prezos dos diferentes rexistradores, un panel para as promocións vixentes e un sistema de publicación e difusión segmentada das noticias de interese que xera a asociación.

PuntoGal é unha entidade sen ánimo de lucro que ten o compromiso de reinvestir os beneficios que consiga unha vez consolidado o dominio en programas de promoción da lingua e a rede en Galicia. Por iso anima á cidadanía, unha vez máis, a rexistrar os seus dominios baixo este paraugas común. A asociación agradece, como sempre, o apoio da sociedade galega a este proxecto. O dominio é voso.

Voltar