Asociación Puntogal

Novas

PREGUNTAS FRECUENTES SOBRE O .GAL

Guía rápida para entender o exame da ICANN e apoiar o Puntogal

22/07/2011 O lanzamento do proceso de solicitude de novos dominios xenéricos é xa unha realidade. Como xa anunciamos, o Puntogal estará entre os candidatos que se presenten a partir do 13 de xaneiro de 2012. Velaquí unha lista das dúbidas máis frecuentes que nos chegaron ao fío do histórico anuncio:

Como beneficiaría o .gal a cultura galega?
Contar cun dominio propio situará o galego no máximo nivel entre as linguas no DNS, o que repercutirá no seu prestixio internacional. Para os efectos prácticos, atopar e ordenar información en galego resultará moito máis doado, por exemplo para os grandes buscadores. A experiencia do .cat, o único dominio lingüístico activo, apunta a que ter un identificador propio favorecerá a publicación de máis contidos en galego. Ademais, o .gal tamén servirá de vínculo entre as webs da emigración. Desde o punto de vista económico, contando cunha xestión adecuada e co apoio da comunidade, o Puntogal pode ser autosuficiente aos poucos anos, e mesmo dar beneficios.

A que se dedicarán os cartos que xere o .gal?
Puntogal é unha iniciativa sen ánimo de lucro. Os beneficios que se acaden serán destinados a fomentar a lingua e a cultura galegas nas novas tecnoloxías.

Que posibilidades existen de lograr o .gal?
A prensa especializada estima que ata o 66% dos candidatos suspenderán o exame da ICANN. A Asociación Puntogal leva máis de cinco anos preparando os requisitos. O éxito do Puntcat demostroulle á ICANN que hai unha demanda social e económica detrás dos dominios culturais.

Por que tardou tanto en aprobarse a convocatoria de dominios?
A ICANN, a corporación que regula as direccións de Internet, publicou ata seis versións da guía coa que examinará as candidaturas. Durante ese período de máis de cinco anos, a ICANN incumpriu varias veces os seus propios calendarios. Finalmente, en xullo de 2011 aprobou e botou a andar inmediatamente o proceso.


Que traballo fixo a Asociación mentres a ICANN aprobaba as normas do exame?
Puntogal logrou obter un amplísimo apoio social entre a comunidade internauta galega, que será imprescindible para superar o exame. Máis de 12.000 persoas e 100 asociacións participan hoxe na iniciativa. Ademais, a Asociación logrou o apoio dos tres grupos do Parlamento de Galicia e da Xunta de Galicia, tanto economicamente como institucionalmente. No plano técnico, Puntogal xa ten preparados os mecanismos para redactar a candidatura. Nestes anos Puntogal tamén colaborou con outras iniciativas similares (para a lingua escocesa, galega, catalá, vasca e bretoa) en ECLID . O obxectivo conseguido foi construír unha imaxe de marca dos dominios lingüísticos. Grazas a este labor, existe actualmente un  consenso entre a comunidade da ICANN para que as candidaturas lingüísticas teñan que pagar menos por someterse ao exame.

Cando poderei rexistrar a miñas webs co .gal?
A ICANN establece un prazo de entre 12 e 18 meses para avaliar as candidaturas, que se poden remitir dende o 13 de xaneiro ata o 13 de abril de 2012. Polo tanto, de superar o exame, o Puntogal sería oficial no segundo semestre de 2013. Poucos meses despois, unha vez asinado o contrato e presentados os avais económicos necesarios, a ICANN incorporaríao á raíz do DNS.

Podo reservar xa o meu domino .gal?
Non, porque a candidatura do dominio para a lingua e a cultura galegas aínda non se presentou ao exame. Os servizos que poida haber na Rede para pre-reservar dominios que non existen non están autorizados pola ICANN. Ademais, a ICANN obriga a todos os novos dominios xenéricos a un período no que administracións e donos de marcas terán preferencia para rexistrar os identificadores sobre os que teñen dereitos legais. En definitiva, non é unha boa idea contratar un servizo que en realidade non garante nada.

Quen poderá rexistar unha web baixo o .gal?
Calquera particular, empresa ou institución. Loxicamente, a web terá que estar en lingua galega nunha proporción significativa ou tratar sobre aspectos da lingua ou cultura galegas. Este é o mesmo criterio que se aplica para o .cat, o único dominio lingüístico en funcionamento.

Canto valerá un .gal?
A política de prezos aínda non está definida, pero o importe será similar ao doutros dominios de tipo xenérico dedicados a comunidades limitadas.

Como podo colaborar para llograrmos o Puntogal?
Un dos criterios para superar o exame da ICANN é demostrar unha ampla representación entre a comunidade á que se pretende servir co dominio. Como individuo podes asinar en liña a favor do Puntogal. Empresas, institucións e asociacións están a tempo de unirse aos socios da Asociación. Ademais, incorporar os báneres do Puntogal e seguirnos no Facebook e no Twitter contribúe a ir creando unha imaxe de marca do .gal.

Voltar